Friday 03 de May de 2024

A Coruña, referente internacional do surf grazas ao Campionato de España de ondas grandes 2022


As condiciones meteorolóxicas permitiron a celebración de Coruña Big Waves, con centos de afeccionados no Portiño e 30 deportistas na auga

O gañador foi Antonio Laureano, Juan Díaz proclamouse pola súa banda campión de España e Juan Fernández, campión de Galicia

A Coruña acolleu este sábado o campionato internacional de ondas xigantes Coruña Big Waves no que estaba en xogo o título de campión de España e de Galicia da modalidade de ondas grandes de surf. No evento participaron destacados deportistas de diferentes países.

Tratouse da primeira edición deste evento impulsado polo Concello a través da Concellaría de Deportes. A complexidade para que se desen as condicións meteorolóxicas axeitadas para esta onda alongou a espera para a súa celebración. Numerosos afeccionados ao surf congregáronse no Portiño para asistir a este singular campionato, retransmitido en directo no ámbito nacional.

A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, fixo entrega dos trofeos nunha xornada cun marcado ambiente festivo. O primeiro clasificado nas probas foi Antonio Laureano, seguido por Juan Díaz, Xabier López, Clint Kimmins, Ian Cosenza e Kosme Fernández, por esa orde. Juan Díaz, ademais, proclampuse campión de España da modalidade, e Juan Fernández, que non puido revalidar o título nacional, campión de Galicia. En total participaron na proba 24 surfistas. Os trofeos entregados aos gañadores están feitos de madeira reciclada de bateas. O evento repartiu un total de 15.200 euros en premios.

A onda grande do Portiño é única pola súa situación xeográfica. Este tipo de fenómenos acostuman a producirse en praias e costas lonxe de cidades e poboacións. Neste caso, os coruñeses e as coruñesas puideron gozar dos mellores especialistas do mundo no seu propio termo municipal.

A onda grande do Portiño é unha esquerda moi potente e extensa que require de experiencia previa. O xoves organizouse un adestramento previo como toma de contacto coa auga. Entre os participantes estivo o coruñés Juan Fernández, campión de España de ondas grandes no 2019.

A primeira edición do Coruña Big Waves é unha aposta do Concello da Coruña co asesoramento técnico nesta modalidade tan específica por parte de After Surf, a Federación Española de Surfing e a Federación Galega de Surf. Coruña Big Waves sitúa á cidade da Coruña no calendario internacional de ondas grandes.